Entendemento entre a Xunta e Concello para aprobar o PXOM de Ponteareas

Nunha reunión mantida este venres en Santiago coa directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, trazouse a folla de ruta que permitirá que Ponteareas conte, nos vindeiros meses, cun Plan que marque o seu desenvolvemento futuro.

Técnicos do Concello e da Consellería concretarán os cambios a realizar en base aos requirimentos da Xunta

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado pola concelleira de Urbanismo, María Jesús Garrote mantivo este venres, 17 de marzo, unha reunión en Santiago de Compostela coa directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas de cara a dar os primeiros pasos que permitan o desbloqueo do PXOM de Ponteareas.

O goberno local tamén convidou a esta reunión a concelleiros dos grupos políticos con representación  no Concello ponteareán ─Andrés Sampedro (PP), Juan Carlos González Carrera (ACIP) e Lino Costas (EU)─, por considerar que o PXOM é unha cuestión de toda a Corporación e sobre o que debe acadarse o máximo consenso. Amais tamén participaron na reunión a arquitecta municipal, o arquitecto redactor do PXOM de Ponteareas, e técnicos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Durante dúas horas e nunha reunión na que ámbalas dúas administracións amosaron “unha clara vontade de cooperación”, aseguraba o alcalde Xosé Represas, abordáronse os requirimentos aos que facía referencia a Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Urbanismo e que impedían a aprobación definitiva do PXOM.

Dedicouse unha especial atención a dous temas “de capital importancia para o futuro de Ponteareas” como eran dar encaixe ás demandas de chan industrial que ten o municipio ─un tema “irrenunciable para o Goberno local”, matizaba a concelleira de Urbanismo do Concello de Ponteareas, María Jesús Garrote─ e o solo urbanizable residencial, tanto para o crecemento do núcleo urbano como para os núcleos rurais.

É de destacar, tal e como se sinalou por parte dos técnicos da dirección xeral de urbanismo, que unha vez realizadas as modificacións indicadas pola Xunta de Galicia, “non sería preciso realizar unha nova exposición pública do Plan” o que reduce considerablemente os tempos para a súa aprobación definitiva.

A concelleira de Urbanismo do Concello de Ponteareas, María Jesús Garrote, confirmaba á saída da reunión que técnicos do Concello de Ponteareas, da empresa redactora do Plan e da Xunta de Galicia, manterán dúas reunións ─a primeira o 28 de marzo e a segunda o 4 de abril─ para concretar todos os cambios e axustes técnicos do documento.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que cualificaba a reunión de “positiva e moi produtiva”, afirmaba que con ela “marcábase unha folla de ruta para que Ponteareas poida contar, de xeito definitivo, cun PXOM que marque o seu futuro”.

Represas fixo especial fincapé na defensa “clara e inequívoca que o Goberno local fixo das zonas industriais” que quedarán pendentes dunha reunión máis detallada cos técnicos e amosou a intención do Goberno que preside en “manter aberta unha liña de diálogo e colaboración coas administracións implicadas na aprobación do documento urbanístico de Ponteareas”.