Ensino ofrece ao alumnado actividades medioambientais

A concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández ofrece actividades medioambientais ao alumnado dos centros educativos de primaria. 

Co obxectivo de aprender con clases prácticas e de por en valor o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, Cristina Fernández convidou a todos os centros educativos a trasladar as clases de ciencias naturais da aula ao exterior.

Grazas a esta iniciativa o alumnado coñecerá in situ a riqueza de Ponteareas. En colaboración coa concellería de Medio Ambiente os mozo e mozas visitarán o Castelo do Sobroso percorrendo a senda botánica que o arrodea e o Castro de Troña. Tamén visitarán a senda do Tea e o centro de interpretación do rio Tea (CITEA) localizado na parroquia de Fozara.

A través de xogos e espectáculos o alumnado afonda nas especies de árbores e arbustos (alóctonos e autóctonos) da senda botánica do castelo do Sobroso para aprender a identificalas.

“Comprobar os coñecementos teóricos na práctica e valorar o patrimonio tanto natural como histórico son a finalidade destas actividades nas que participan todos os centros educativos de primaria da cidade”, engade a concelleira.