Encontro musical entre Leiria e Ponteareas

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Sociedade Artística Musical Cortesense ofrecerán senllos concertos na Praza Maior de Ponteareas o próximo sábado, 29 de agosto

cartel-concerto-leiría-xinzoO intercambio musical será protagonista en Ponteareas durante o serán do vindeiro sábado 29 de agosto. A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Sociedade Artística Musical Cortesense ofrecerán dous concertos na Praza Maior da vila a partir das 19:30 horas.

Os primeiros en actuar serán os músicos da formación procedente da cidade portuguesa de Leiria, para posteriormente dar paso aos membros da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Antes dos concertos, os dous grupos ofrecerán un pasacalle que percorrerá o camiño que vai dende a Casa do Concello ponteareán ata a propia Praza Maior.

Trátase dunha xuntanza que xa tivo lugar o pasado ano entre ámbalas dúas formacións, daquela na cidade lusa de Leiria, e que se atopa enmarcada dentro da programación cultural de verán deseñada pola concellería de Cultura que dirixe Hortensia Bautista.