Encontro co folclore arxentino este domingo na sala multiusos do auditorio coa cantora Casiana Torres

O concello de Ponteareas convida a toda a cidadanía ao concerto da cantora arxentina Casiana Torres este domingo día 29 ás 19 horas na sala multiusos do auditorio municipal.

A cantora Casiana Torres, unha das máximas exponentes do folklore arxentino, chega a Europa desde Tierra del Fuego, ao sur da Patagonia, para presentar o seu último traballo, Al corazón de la tierra,  xunto co seu guitarrista e productor, Martín Castro. Casiana, que compartiu escenario con artistas como Mercedes Sosa, León Gieco e Uxía, entre outros, e participou en festivais de todo o mundo, representa con orgullo a música de todo un país que se caracteriza pola diversidade de ritmos e os contrastes descritivos que brindan as súas paisaxes.

A concelleira de Eventos e tenente de alcalde, Cristina Fernández, anima a toda a veciñanza a desfrutar deste encontro que pretende estreitar lazos coa cultura arxentina.