Emotivo acto de entrega dos Premios Concello de Pontearas, ano 2014

O alcalde cos premiados Premios Concello de Ponteareas 2014Este sábado pasado, día 2 de maio, nun emotivo acto institucional celebrado no Auditorio Reveriano Soutullo, o Concello de Ponteares fixo entrega dos “Premios Concello de Ponteareas 2014”.

Nun emotivo e entrañable acto de lembranzas sobre os galardoados, o Concello de Ponteareas fixo entrega dos Premios “Concello de Ponteareas 2014” ás persoas e entidades merecedoras de tal galardón, que ten por obxecto exaltar e galardoar a traxectoria de persoas e colectivos que se distinguisen en calquera actividade humana, comportamento exemplar e virtudes cívicas, así como pola trascendencia e importancia das súas contribucións á sociedade. Así, pois, estes premios abranguen distintos apartados, como é o eido Empresarial, Comercial, Deportivo, Social e Cultural.

No eido Social, foi obxecto deste recoñecemento o Colexio “La Inmaculada” de Ponteareas polo labor social e educativo que vén desenvolvendo nesta localidade desde os inicios do seculo XX, sendo un centro de referencia na vila. Dentro do eido Cultural, o Premio Concello de Ponteareas recaeu na Banda de Música Xuvenil de Xinzo, pola súa extraordinaria contribución ao patrimonio musical e cultural do noso concello, sende canteira de importantes músicos. O Club Deportivo Cultural Areas foi o premiado dentro do eido Deportivo, como merecido galardón á traxectoria deste club de fútbol da parroquia de Areas que foi quen de acadar importantes éxitos deportivos ao longo dos últimos anos.

No eido Empresarial, o galardón recaeu nos “Serradoiros de madeiras” de Ponteareas, pola súa contribución ao desenvolvemento industrial e económico da nosa vila, poñendo en valor os aproveitamentos forestais para xerar riqueza en Ponteareas.

As “Vendedoras da Carreira” de Ponteareas foron as galardoadas co Premio “Concello de Ponteareas 2014” no eido Comercial polo labor comercial desenvolvido ao longo de varias xeracións, promovendo un importante desenvolvemento económico e comercial da vila do Tea.

Tras as semblanzas, os galardoados recibiron o premio da man do alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañado polos concelleiros, os cales fixeron entrega dos diplomas acreditativos dos galardóns. Tras rematar as glosas e a entrega de premios, o alcalde pasou a felicitar a cada un dos premiados polo seu labor desenvolvido nos diferentes eidos da sociedade e, así mesmo, animounos a seguir pola senda marcada que os fixo merecedores deste destacado galardón.

Esta gala contou con varias interpretacións musicais a cargo do cantautor ponteareán Carlos Sampedro.