O Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade modificar o orzamento para paliar os efectos do COVID-19

A proposta de 1.137.000 euros foi ratificada na primeira sesión plenaria virtual do Concello

650.000 euros son para activar a economía local e axudas de emerxencia

O Concello de Ponteareas aprobou este luns por unanimidade a modificación do orzamento por un importe de 1.137.000 euros, dos que máis de 650.000 teñen como finalidade intentar paliar os efectos da crisis sanitaria do coronavirus no Concello. Este foi o segundo punto da orde do día da sesión extraordinaria e urxente celebrada onte, sendo o primeiro pleno virtual da historia de Ponteareas, utilizando o sistema telemático que permite a realización de Plenos, Comisións e Xuntas de Goberno Local non presenciais.

A proposta do goberno de BNG-PSOE, consensuada co grupo independente ACiP, recibiu tamén o respaldo do PP, os 21 concelleiros e concelleiras dos 4 grupos da Corporación deron a súa conformidade a proposta que contempla a dotación de 400.000 para axudas directas, subvencións e partidas para reactivar a actividade económica, 160.000 euros para incrementar as axudas de emerxencia social e o centro de reparto de alimentos, ademáis doutras partidas económicas necesarias para facer fronte ao gastos provocados polo Covid-19 ata sumar un total de máis de 650.000 euros para esta finalidade.

Tamén se aprobou por unanimidade o expediente para asumir, con cargo ao remanente positivo de tesoureria de 2019, máis de 67.000 euros da débeda polo convenio urbanístico do parque Ferro-Ucha.

No primeiro punto aprobouse de forma defnitiva a modificación puntual da RPT, cos 12 votos do goberno BNG-PSOE, votando en contra os 9 concelleiros da oposición.

Antes de comezar o pleno, o alcalde, Xosé Represas propuxo aos asistentes gardar un minuto de silencio para honrar aos falecidos pola pandemia do Covid-19.