Do volante virtual ao asfalto

O ponteareán Victor Prim da o salto do virtual á realidade para acabar correndo un rallye tras baterse nos mandos dixitais cos mellores xogadores do estado Español. 

Logo de superar probas físicas e de condución real, Victor Prim correrá o rallye Botafumeiro en Santiago de Compostela tras converterse no gañador do Campionato Español de Simulación (CES).

Flexións, test de course navette e unha carreira arredor do circuito da Pastoriza, Lugo, foron testemuños da superioridade do ponteareán que arrebatou o primeiro posto a Manuel O´Largo na última proba da crono de dúas voltas que pechaba a primeira edición do CES Rally Academy. O Campionato Español de Simulación (CES) é unha asociación que conta cunha traxectoria de máis de tres anos de experiencia e que se adica á xestión e organización de competición e evento de Simracing tanto virtuais como presenciais. O seu obxectivo final é levar aos mellores pilotos virtuais a competicións reais. Conta con máis de seiscentos xogadores rexistrados e máis de douscentos activos cada semana nas súas diferentes competicións virutais e con máis de 2.500 followers e usuarios e redes sociais. 

Victor Prim correrá esta fin de semana do 24 e 25 o Rallye Botafumeiro co equipo TRS.

Prim chega ata aquí logo de ter resultado campión na clasificación online para todas as plataformas, Xbox, PS4 e Steam (PC) que tivo lugar nos pasados meses de xuño e xullo. 

A Concellería de Deportes, que dirixe Benito Márquez, deséxalle sorte para esta fin de semana e felicítao polos seus logros.