Diego Giráldez presenta a súa primeira novela no ciclo “Venres D_letras”

O escritor porriñés Diego Giráldez estará no ciclo «Venres D_letras», organizado pola Concellalía de Cultura que dirixe en funcións Hortensia Bautista, para presentar a súa primeira novela, «Hotel para coleccionistas discretos», unha reflexión delirante e divertida sobre as altas esferas de poder, na que nos presenta a un grupo de auténticos psicópatas que xogan con nós, e que empregan o coleccionismo de banalidades como coartada dos seus enredos. A cita terá lugar, como é habitual, este venres, día 15, a partir das 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas.

A historia nace do pasamento de Amalia Valverde, unha empresaria de éxito integrada neste grupo, formado por outros empresarios, políticos ou banqueiros. Unha homenaxe póstuma nun céntrico hotel, á que acuden todos os seus membros, porá en marcha a trama. Nesa xuntanza, os coleccionistas amosarán o peor das súas facianas e participarán nun xogo no que a súa falla de empatía e o seu carácter psicopático quedarán en evidencia e no que ningún deles será capaz de medir as consecuencias dos seus actos.

Transgresora e, por momentos, esperpéntica, a novela amósase moi apegada á realidade retorcéndoa ata convertila en marerial literario. Para iso, o autor emprega diferentes recursos estilísticos, mesmo diversos narradores, empregando unha linguaxe moi persoal e identificable.

Diego Giráldez é licendiado en Historia da Arte e deuse a coñecer co libro de relatos «Galería de saldos», co que acadou o recoñecemento unánime de crítica e público, convertíndose nun dos escritores de referencia do panorama galego actual.