Dez mil manteis individuais promocionan Ponteareas

sdr

A concellería de Comercio, Hostalería e Consumo entregou aos locais de hostalería un total de dez mil manteis individuais para colocar nas mesas e que, sobre todo nestes días de grande afluencia de visitantes, a clientela poida con tan só unha ollada coñecer algún dos servizos que oferta a nosa cidade.

Deste xeito estes dez mil manteis promocionarán a hostalería, as actividades e locais de lecer, as rosquillas, o comercio, a praza de abastos cos seus produtos frescos e naturais, os roteiros de sendeirismo, a nosa historia e a nosa arte.

Cunha imaxe fresca e moderna a concellería de Hostalería pretende que ademais de desfrutar do menú os clientes descubran un recuncho de Ponteareas ou decidan facer unha compra na vila.

“A suma de esforzos é decisiva para que academos máis e mellores metas e o comercio e a hostalería de Ponteareas ten moito que ofrecer. Na nosa cidade podemos ofertar todos os servizos que unha familia precisa para o día a día pero tamén para o seu tempo de lecer cunha ampla variedade de oferta gastronómica, cultural e patrimonial”, explica a concelleira Inés Vidal.

Ser competitivos e estar atentos aos cambios nas tendencias de consumo e nas necesidades dos e das clientes é decisivo, adianta Vidal, “por iso dende este goberno apostamos pola participación e pola comunicación directa con todos vós”.