“Desde o primeiro momento en Ponteareas experimentei os valores de unión, fraternidade e traballo conxunto que nacen arredor das nosas alfombras florais”

 

A pregoeira do Corpus 2021, Maite Isla, quixo resaltar a solidariedade das e dos ponteareáns, valorou o traballo á fronte de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e animou a seguir loitando para seguir sendo berce comercial da comarca

 

“Lembro como sendo moi nova comecei a formar a miña familia en Ponteareas. Sempre agradecerei toda a axuda e agarimo que tiven, dende o primeiro día percibín que estaba na casa”. Así comezaba moi emocionada o seu discurso Maite Isla, pregoeira do Corpus 2021, natural de Mondariz pero cunha gran relación con esta festividade polo seu labor como alfombrista en distintos tramos ao longo da súa vida.

 

Isla lembrou como nada máis aterrar en Ponteareas participou no seu primeiro Corpus e “puiden experimentar o que significaba para os veciños e veciñas, con esas semanas previas que viviamos con intensidade e nas que se recollían valores como a unión, a fraternidade ou o traballo conxunto para confeccionar as nosas alfombras e dar paso ao Santísimo. Nunca esquecerei esa imaxe da procesión na rúa de Oriente con esa chuvia de pétalos e o aroma que desprendía”.

 

Durante o acto, celebrado no Auditorio Municipal, a pregoeira quixo facer tamén un percorrido polo seu traballo na asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui que hoxe preside e na que ve reflectida unha pequena mostra da solidariedade de Ponteareas, “algo que puidemos comprobar en pandemia. Fixemos un chamamento para confeccionar batas e máscaras e conseguimos formar un equipo de 487 persoas grazas ao que se repartiron dende a nosa vila para toda Galicia máis de 70.000 máscaras e 7.000 batas”.

 

A recoñecida traxectoria de Maite Isla no tecido social de Ponteareas compleméntase coa súa vinculación ao sector comercial dende hai 45 anos, sendo presidenta durante máis dunha década da asociación de comerciantes da localidade, “unha etapa que lembro con moito agarimo, a pesar de ser anos duros dun traballo intenso”. Por iso quixo ter unhas palabras para comercio e hostalaría, que “hoxe máis que nunca están vivindo momentos moi duros detrás dos mostradores. Imaxinádesvos un pobo sen o seu comercio? Que sería de Ponteareas con todos os baixos pechados sen escaparates nin luces? Temos que seguir loitando todos unidos, día e noite, para que iso non ocorra e para que a nosa vila siga a ser o berce comercial da comarca”.

 

Un pobo colaborador

 

Aínda que por mor da situación sanitaria a lectura do pregón foi con aforo reducido, o Concello quixo retransmitilo en directo “para que non quedara nun acto pechado para as persoas que están neste auditorio, senón que se puidera vivir en calquera lugar e revivir en calquera momento”. Así o explicaba a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que “neste Corpus tan atípico” quixo mandar “unha agarimosa aperta a aquelas persoas que viviron de preto a perda de achegados e achegadas durante a pandemia e ás persoas de colectivos esenciais e voluntarias que foron imprescindibles para saír adiante”.

 

Para a rexedora, as alfombras son “un referente de unidade a nivel internacional. Algo que nos define como un pobo colaborador e organizado que se apoia no agrupamento para transformar unha idea en arte”. “Pronto poderemos volver vivir esas sensacións que son únicas e inesquecibles. Debemos seguir actuando con responsabilidade para xa no ano 2022 volver a vivir o Corpus con máis forza que nunca, coa unión do pobo para ser unha vez máis o que sempre foi o noso sinal de identidade no mundo e na nosa maior obra de arte colectiva como ponteareáns”, destacou.

 

Un minuto de silencio

 

Esta edición do Corpus o pregón arrancaba cunha emotiva lembranza a Xosé Represas, presente en todos os discursos da noite, “unha persoa honesta e traballadora, apreciado por todos os veciños e veciñas, alcalde firme nas súas ideas pero dialogante e conciliador”, como destacou a presentadora do acto. O público gardou un minuto de silencio na súa honra e na de todas e todos os alfombristas “que nos deixaron este ano pero que traballaron con moito esforzo, moita dedicación e moita ilusión promocionando polo mundo o Corpus”.

 

Neste acto, que contou cun aforo reducido, tamén estiveron presentes Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Montse Prado e Alberto Pazos, deputados autonómicos; Santos Héctor, deputado provincial; Mohamed Zerga, delegado do pobo saharaui en Galicia; alcaldesas e alcaldes da comarca; membros da corporación municipal; ex rexedores e representantes de alfombristas.