A concellería de Eventos organiza obradoiros, concursos e desfiles acompañados de música e animación
A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, convida a toda a veciñanza a desfrutar da festa tradicional do entroido que terá lugar do venres día 21 ao mércores día 26.
Música, desfiles, obradoiros e concursos acompañarán á maxia do entroido 2020 que arranca o venres día 21 ás 11 horas nas rúas do centro urbano co desfile escolar. Ao remate as prazas Maior e Bugallal serán o escenario de múltiples actividades de animación infantil.
O sábado día 22 ás 17:30 horas na Praza Maior haberá un obradoiro de máscaras de entroido que a concellería de Cultura ofrece totalmente de balde. Ás 19 horas no mercado municipal concurso de doces de entroido en colaboracion con BANASTRA centro comercial aberto previa inscrición na biblioteca pública municipal.
O domingo día 23 ás 17 horas chega o momento do desfile de comparsas de entroido acompañadas de animación musical coa charanga Mekánica Rolling Band e ao remate na praza Maior leranse as coplas de entroido e bailarase ao son da charanga.
O parque da Perillana acollerá ás 12 do luns 24 o obradoiro de maquillaxe de entroido e na Praza Maior a partir das 17:30h terá lugar o concurso de disfraces na categoría infantil e ás 19:30h na categoría adulto. As inscricións deberán realizarse na propia praza dende as 17h e haberá premios para os cinco mellores disfraces de cada categoría.
O martes 25 o mercado municipal acolle o obradoiro de doces de entroido para nenas e nenos en colaboración con BANASTRA e previa inscrición no número de teléfono 644 896 840. Ás 19:30h as comparsas tomarán o protagonismo para desfilar polo centro urbano acompañadas de música e animación. Ao remate, entrega de mencións e diplomas ás comparsas na Praza Maior e actuación da The Turre`s Band.
O enterro da sardiña pechará o entroido o mércores día 26 ás 20:30 horas saíndo da Casa do Concello acompañada da charanga SDK para dar lectura ao testamento na Praza Maior.
A concellería informa que en caso de mala climatoloxía as actividades de animación e os obradoiros trasladaránse ao auditorio municipal.