Descubre as novidades do Museo Municipal no día da súa reapertura

O mércores día 6 ás 19 horas o Museo Municipal reabre as súas portas con visitas guiadas e a presentación a cargo do arqueólogo Alberte Reboreda

Logo de pechar as súas portas durante uns meses para a realización das obras de mellora de eficiencia enerxética o Museo Municipal de Ponteareas volve abrir ao público o vindeiro mércores día 6 ás 19 horas con importantes novidades. En colaboración coa Concellería de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote executáronse obras en todo o edificio enmarcadas na estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable”. 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a desfrutar do día de reapertura no que o arqueólogo Alberte Reboreda ofrecerá unha breve charla de presentación e xunto a Gonzalo Fernández, o historiador municipal, ofrecer unha visita guiada a todos os presentes. 

A recente doazón de diferentes restos arqueolóxicos atopados de xeito accidental nas inmediacións do Castro da Croa, en Ribadetea, son unha das novidades.  Varios restos de tégulas romanas, un elemento lítico, probablemente un machacador e un resto dun dolium pasan a formar parte da historia de Ponteareas. Todas estas pezas foron cotexadas polo arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez.

Os e as nosas creadoras
Ademais, nesta nova etapa os e as visitantes poderán gozar con innovadoras e imaxinativas obras da serie creadores ponteareáns, concretamente de Aurora Quinteiro que retratou a Alfonso Pexegueiro e Alfonso Quinteiro e Silverio Rivas desenvolta co apoio da Deputación de Pontevedra.

O Museo Municipal de Ponteareas está situado nas dependencias dunha antiga fábrica de curtidos. A nivel expositivo, articúlase de maneira cronolóxica en grandes varios apartados: Ponteareas e comarca desde a época paleolítica á romanización, onde se recollen principalmente materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura galaico-romana. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de Gándara e unha pequena coleccións de bronces de datación romana do Coto de Altamira - Taboexa (As Neves) coa figura dun togado.

Da época medieval sobresae unha pila bautismal de notables proporcións, ben conservada e que pertence ao estilo románico.

A parte de historia contemporánea está dedicada fundamentalmente ás importantes figuras nadas en Ponteareas, que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así no campo político é necesario destacar a Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal, e Isidoro Bugallal Araujo. No campo das letras e as artes hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado, Emilia Éstevez Villavede; músicos como Reveriano Soutullo, artistas , Antono Medal, Rogelio Lorenzo, Afonso Quinteiro... 

No museo tampouco falta un lugar dedicado á principal festa de Ponteareas: o Corpus Christi e as súas alfombras florais, un dos sinais de identidade colectiva da vila.

Fernando Groba informa que o horario ao público é de luns a venres de 08:00 a 21:00 horas e os  sábados 10:30 a 13:30 h. Tamén quere recordar que a entrada ao Museo Municipal de Ponteareas é totalmente gratuíta.