A Deputación de Pontevedra presenta en Ponteareas a exposición “A Gaita na Música Tradicional Galega”

O vindeiro sábado día 16 de setembro ás 19:30 horas terá lugar no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas a presentación da exposición organizada pola Deputación de Pontevedra sobre A Gaita na Música Tradicional Galega. A Deputación acordou iniciar o seu ciclo de exposicións sobre a gaita na vila do Tea polo especial arraigo que ten a música en Ponteareas.
Á presentación da exposición asistirán o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista. A exposición incluirá dous paneis confecionados polo historiador Carlos Collazo De la Fuente con documentación inédita sobre o Concurso de Gaitas do País de Ponteareas, que celebra no presente 2017 a súa 50 Edición. Contará, tamén, con material achegado polo investigador Xaime Estévez Vila, e coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos e do Museo de Pontevedra.
A exposición sobre A Gaita na Música Tradicional Galega poderá visitarse no Auditorio Municipal do día 16 ao 23 de setembro, enlazando deste xeito coa celebración do Concurso de Gaitas do País de Ponteareas programado para o sábado 23 ás 17:00. Nos vindeiros meses a exposición rotará por diferentes prazas galegas e do territorio español.