A Deputación de Pontevedra concédeulle ao Concello de Ponteareas a subvención para as obras de “ Saneamento integral da parroquia de Bugarín. Fase III” por importe de 135.094, 59 euros

concelloA Deputación de Pontevedra concédeulle ao Concello de Ponteareas a subvención para as obras de “ Saneamento integral da parroquia de Bugarín. Fase III”. Estas obras, incluídas no Plan urxente de mantemento de servizos e infraestruturas municipais 2014 da Deputación de Pontevedra, suporán un investimento de 135.094,59 euros e permitirán ampliar a infraestrutura de saneamento na parroquia de Bugarín, a través de 2 ramais que conectarán co colector sur. Esta nova fase, xunto coa xa existente e coa fase II, recentemente adxudicada, ampliará o acceso ao saneamento e dará servizo a máis de 100 vivendas.

Nesta recén concedida terceira fase, os traballos levaranse a cabo na parte alta da parroquia de Bugarín e incluirán a construción de dous ramais da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, cunha lonxitude aproximada de 363 e 638 metros, respectivamente, así como a colocación de tuberías de PVC de 200 mm de diámetro e a construcción de pozos de rexistro, entre outros.

As obras desta Fase III, xunto coas da Fase II, que xa foron adxudicadas e comezarán despois do verán, cun investimento de 115.683,69 euros, significarán un investimento total de 250.778,28 euros destinados á ampliación da rede de saneamento de Bugarín.

O alcalde, Salvador González Solla, maniféstase moi satisfeito pola concesión desta subvención para a III Fase do saneamento de Bugarín, buscando acadar, tal e como estaba proxectado, o saneamento integral da parroquia de Bugarín e que, xunto coas obras noutras parroquias como Xinzo, Arnoso, Areas ou Prado, virían completar o proxecto de saneamento das parroquias de Ponteareas.