Damián Copena presenta o seu traballo sobre comunidades de montes de Ponteareas, gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

Damián Copena presenta o seu traballo sobre comunidades de montes de Ponteareas, gañador do VIII Premio Fermín Bouza BreySerá este venres 26 de novembro no salón de plenos do Concello. As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse en bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou no  986 660 765

 

O mestre Damián Copena, veciño de Ribadetea e profesor de Economía da Universidade de Oviedo, estará este venres 26 de novembro en Ponteareas presentando o traballo que resultou galardoado co VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey.  O acto será ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello, onde Copena falará sobre o ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a participar na presentación desta interesante investigación, nomeadamente a aquela que está vinculada ou interesada na xestión dos baldíos ou montes en man común. O traballo, premiado con 3.000 euros, afonda no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan. O xurado destacou os obxectivos realistas do proxecto, a súa gran profundidade científica, a importancia da economía ecolóxica e a posta en valor dos baldíos de Ponteareas.

 

A importancia dos premios de investigación Fermín Bouza Brey é, precisamente, “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e mesmo aplicábeis á mellora do noso día a día”, salienta o edil. Este galardón está aberto a proxectos de investigación dos ámbitos da historia, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que teñen como referente o municipio ponteareán e, de forma complementaria, a comarca do Condado.

 

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo ao enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal. A presentación do traballo será retransmitida por streaming a través da páxina de Facebook e da canle de Youtube do Concello.