Curso gratuíto de perfeccionamento informático para a busca de emprego

A concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera anuncia que mañá abre o prazo de inscrición para o curso de perfeccionamento informático para a busca de emprego. As beneficiarias serán mulleres maiores de 16 anos que deben inscribirse antes do 21 de maio.

Dentro da programación do plan de igualdade, Verónica Carrera, ofrece este novo curso totalmente de balde para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. 

A primeira quenda será do 22 de maio ao 29 de maio de 10 a 13 horas e a segunda quenda do 24 ao 31 de maio tamén de 10 a 13 horas. 

A matrícula realizarase on line escaneando o código QR do cartaz ou na ligazón https://forms.gle/opVwNq1K2ZUG1fTD7

Carrera explica que durante estas seis horas de formación achegaránlle técnicas e coñecementos que faciliten a procura de emprego a través da rede, facilitándolle sitios web nos que informarse das ofertas de emprego e plataformas nas que inscribirse.

Aquelas que desexen obter maior información deben porse en contacto co centro de información á muller (CIM) ubicado no edificio do centro social na rúa Oriente, aberto ao público de nove a tres da tarde de luns a venres.