Cultura24 ameniza a fin de semana en Cumiar cun espectáculo de maxia dirixido a público familiar

O programa Cultura24 achega o espectáculo dos magos Ian & Elisa á Casa Cultural de Cumiar este domingo

Co firme obxectivo de dinamizar e encher de vida as parroquias, Cultura24 regresa esta fin de semana cunha programación de lecer gratuita e dirixida especialmente a público familiar.

A proposta para este domingo 21 de agosto é un espectáculo de maxia familiar a cargo de Ian & Elisa, un dúo que durante os 16 anos que leva enriba dos escenarios tivo a oportunidade de traballar internacionalmente e mesmo saír na televisión. Desta vez, chegan a Cumiar cos petos cheos de ilusión e moitas ganas de presentar o seu novo espectáculo diante do público ponteareán. A cita é ás 19.30 horas na Casa Cultural.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida á veciñanza a participar nesta nova actividade cultural de balde que encherá de maxia e de sorrisos a parroquia de Santo Estevo de Cumiar.