O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Cultura Hortensia Bautista, xunto a asociación Falcón, organizadora do evento, presentaron as actuacións de Julian Maeso, Los Labios, The Shoubinhas Experience, Yakuzas, The Trunks y Baby Jane
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentou xunto aos organizadores do Festival, a asociación Falcón, e á responsable de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo, Hortensia Bautista, a cuarta edición do Rock in Río Tea, festival que se celebrará o 2 de xullo a partir das 21.00 horas no parque da Feira Vella, con máis novidades e cun moi bo nivel de música grazas aos artistas do cartel deste ano.
O alcalde destacou a importancia do evento e a repercusión positiva que ten para o comercio e hostalería, evento que o Concello apoia económicamente, colaboración no que tamén se implican diversos departamentos para lograr que se desenvolva nas mellores condicións e para contribuír ao éxito do festival. “Iniciativas e festivais como o Rock in Río Tea, axudan a facer unha Ponteareas máis dinámica a nivel cultural e xeran tamén maior actividade a nivel económico e social”, indicou o primeiro edil.
A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, aproveitou a ocasión tamén para felicitar á organización do Rock in Rio Tea. “Son catro anos xa que leva en pé este festival por vontade dos seus promotores, a asociación Falcón, e é grazas a eles que Ponteareas vai camiño de ser unha referencia para o rock no noso país”, manifestou a edil.
Julio Mera, en representación da organización do festival, agradeceu o apoio recibido do Concello de Ponteareas e de todos os patrocinadores, a maioría empresas e comercios da localidade, que colaboran para sacar adiante este evento. “Esperamos consolidar o festival, xa que o ano pasado viron máis de 3.000 persoas. Ofrecemos música de calidade de balde por riba da fama que poidan ter as diferentes bandas, como son os casos de Julián Maeso e Los Labios, cabezas de cartel este ano. Amais, apostamos por música emerxente coma The Trunks, gañadores do noso concurso de bandas na que participaron 59 bandas, sendo seleccionadas 9 para a final”, explicou o membro da asociación Falcón.