
O Concello solicitou a súa declaración en 2017, 2018 e 2022 sen obter até agora resposta da Xunta
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, manifestou hoxe o seu convencemento de que o vindeiro luns 23 a Xunta de Galicia lle comunicará persoalmente a declaración do Corpus Christi de Ponteareas como Ben de Interese Cultural Inmaterial. A rexedora local ten concertada unha reunión o vindeiro luns coa directora xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación, á que foi convocada o pasado venres 13 de xaneiro logo de cinco anos agardando a que a Xunta outorgue ao Corpus ponteareán ese recoñecemento.
A alcaldesa lembra que o goberno do BNG-PSOE “solicitou en 2017, en 2018 e en 2022 esa declaración, sen obter ningunha resposta por parte da Xunta, nin positiva nin de requirimento de máis documentación, malia a nosa insistencia e reiteración”.
Fernández Davila salientou que, malia a pouca dilixencia, lentitude e desinterese da Xunta de Galicia, o Corpus de Ponteareas será BIC por méritos propios e porque a nosa maior obra de arte colectivo ten dereito a ese recoñecemento, por enriba de intereses políticos.
A alcaldesa agradeceu o apoio e implicación de colectivos como a asociación de alfombristas e o resto de partidos políticos para conseguir este recoñecemento para unha manifestación artística que nos une a todos e “que veño reclamando diante da Xunta como Alcaldesa que represento a toda a veciñanza sen distincións”.
Cronoloxía da declaración do Corpus como BIC
No ano 2017 o goberno presidido por Xosé Represas entregou en man a solicitude de declaración de BIC á directora xeral de Turismo, Nava Castro, coñecedora da importancia que ten o Corpus para a vila. En febreiro de 2018 se lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus.
En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno local reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición de declaración de BIC Inmaterial do Corpus de Ponteareas e sobre a documentación precisa para continuar coa tramitación, petición que se repetiu en abril de 2022. Xa en xullo dese mesmo ano, o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaban de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.
O venres 13 de xaneiro a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Educación convocou para o vindeiro luns 23 á alcaldesa para abordar a declaración como BIC do Corpus.