Cristina Fernández asegura que o actual Goberno local sempre apostou pola xestión do comedores a cargo da Xunta de Galicia

A Concellería de Ensino fai un seguimento diario do servizo de comedor e asegura que abrirá expediente no caso de infracción do contrato

Fernández rematou asegurando que por parte da Concellería de Ensino, seguiránse a facer as xestións precisas “que aseguren a calidade dos menús servidos ao alumnado” e non dubidou en afirmar que “abrirase o correspondente expediente no caso de que se detecte calquera infracción do contrato”.

 

A concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández, desmentiu hoxe ás afirmacións realizadas na prensa por EU sobre o comedor escolar do colexio Fermín Bouza Brey e nas que acusaba aos membros do goberno de “cambio de criterio” na visión que tiña dos comedores escolares estando na oposición á que agora tiña dende o Goberno.

 

A responsable de Ensino, amais de reafirmarse en que “o actual goberno local e o BNG pola que son concelleira, temos moi clara a liña a seguir que foi, dende sempre, solicitar á Xunta de Galicia comedores escolares xestionados pola administración autonómica”, acusa a EU de ser “contraditoria cos seus propios argumentos”.

 

Lémbralle Cristina Fernández a EU que na proposta levada a Pleno para instar á Xunta a xestionar o comedor escolar do colexio “foron eles os que propuxeron engadir un punto en que se instaba ao Concello a facerse cargo da xestión do comedor no caso de que a Xunta de Galicia se negase a facelo”.

 

Trala reunión mantida pola concelleira de Ensino co secretario xeral técnico da Consellería, reunión na que tamén estaba o alcalde Xosé Represas, dita Secretaría Xeral “deixou claro que a Xunta non ía a xestionar o comedor” e a solución que daba era que “durante dous anos, fora a ANPA a que realizara dita xestión ou que, no seu defecto, fora o Concello o que asinase un convenio polo que se lle permitía asumir esa competencia, propia da Xunta de Galicia, por delegación”.

 

Ante a negativa da ANPA a asumir a xestión, engade Cristina Fernández, “tivo que ser o Concello o que tivo que asinar dito convenio coa Xunta para permitir que os alumnos e alumnas puideran contar con comedor escolar”. Fernández asegurou que “non deixa de ser sorprendente que agora, EU, critíquenos polo feito de facer o que eles mesmos propuxeron ao Pleno”.

 

O criterio que ten esta concellería, insiste a responsable de Ensino, segue a ser que “a Xunta implante comedores escolares, xestionados por ela, na súa modalidade de cociña con medios propios”. “Ese era o criterio como concelleira do BNG na oposición, e ese segue a ser o noso criterio sendo Goberno e non se trata, evidentemente, dunha  suposta cuestión de aforro”, subliña a concelleira ponteareá.

 

Inicialmente, no mes de setembro, contratouse á empresa que xa estaba a realizar o servizo para a concellería de Servizos Sociais, mentres procedíase á licitación pública do servizo. Logo dun proceso “absolutamente transparente”, nunha mesa de contratación con presenza de todos os grupos “entre os que se atopaba EU”, matiza Cristina Fernández “a empresa concesionaria comezou a dar servizo o 5 de decembro”.

 

Control exhaustivo

No que ao control do servizo e da calidade do menú fai referencia, a concelleira de Ensino lémbralle a EU que o servizo de comedor do Fermín Bouza Brey “está sendo sometido a controis de todo tipo”. Dentro desa liña de coñecer de preto o funcionamento do servizo, continúa Cristina Fernández, “esta concelleira e nais de alumnos temos comido no mesmo”, do mesmo xeito, as nais e pais que así o solicitaron tiveron a oportunidade de achegarse a probar o menú e visitar as instalacións onde ditos menús son elaborados “e foron moitos os que así o fixeron”, afirma a edil.

 

“Dende a Concellería, mantemos reunións cos pais e a empresa ─nesta semana mesmo houbo unha─ a fin de trasladar calquera queixa ou suxestión sobre o funcionamento do servizo” explicou Cristina Fernández, engadindo que os menús “son sometidos a controis, tanto microbiolóxicos como nutricionais, por un laboratorio independente”.

 

Fernández rematou asegurando que por parte da Concellería de Ensino, seguiránse a facer as xestións precisas “que aseguren a calidade dos menús servidos ao alumnado” e non dubidou en afirmar que “abrirase o correspondente expediente no caso de que se detecte calquera infracción do contrato”.