Couso celebrará o seu segundo Belén Vivente

A xornada do domingo, 3 de xaneiro de 2016, servirá para que este barrio da parroquia de Guláns se vista de Nadal e tradición

belen-vivente-couso-presCouso, barrio situado na parroquia ponteareá de Guláns, será o punto de referencia destas datas de Nadal o vindeiro 3 de xaneiro de 2016, coa segunda exposición dun Belén Vivente que contará cun percorrido de 2,25 quilómetros e un total de 38 postos repartidos ao longo do mesmo nos que se poderán visualizar o desenvolvemento de diferentes oficios tradicionais e personaxes típicos do Belén.

Esta exposición vivente poderá ser visitada en horario de 11:00 a 19:00 horas e está organizada conxuntamente pola Asociación Cultural San Martiño de Couso e pola Asociación Artístico Cultural de Guláns. O Concello de Ponteareas colabora nunha segunda edición na que participarán máis de 200 persoas e na que será posible interactuar cos Reis Magos ao longo do percorrido.IMG_0631

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, participou da presentación oficial nos Xardíns da Xiralda, acompañada de María Jesús Carballido e Victoria Carballido, ámbalas dúas pertencentes á Asociación San Martiño de Couso.

Ademais dos personaxes típicos do Belén e de postos onde se representarán oficios tradicionais como o de leñador, o de cristaleiro, o de ferrador, o de zoqueiro, o de oleiro, entre outros, tamén será posible xantar en diferentes tabernas situadas polo camiño.

É posible consultar máis información nesta ligazón.