Continúa con éxito a Feira do Libro de Ponteareas

A Feira do Libro de Ponteareas continúa esta tarde con gran éxito de público, a pesar dos condicionantes derivados da situación de pandemia provocada pola COVID-19. Dende a Federación de Librarías de Galicia e o Concello de Ponteareas, organizadores do evento, tomáronse todas as precaucións necesarias para garantir a seguridade das/os libreiros, as/os autores convidados e o público.

Esta feira atípica está a contar co apoio do público que goza dos libros que non contaxian pero que enganchan e co apoio da Deputación de Pontevedra.

Dende o pasado xoves, cando foi inaugurada cun pregón a cargo do etnógrafo e historiador Clodio González, xa pasaron pola Feira autores destacados como Francisco Castro, Manuel Portas, Anémona de Río, Juan J. Prieto, Manel Monteagudo, Pablo Prado, César Cequeliños ou Susana Lamela, que acapararon a atención das persoas asistentes.

Esta tarde a Feira comezará coa presencia do poeta Carlos da Aira, que asinará exemplares do seu libro “A guerra era contra nós”, recoñecido co premio de poesía Manuel Lueiro Rey do ano pasado, así como coas narradoras Nazaret López, que asinará “Formigas nos pés”, e Isabel Blanco co seu “La muerte de Marilyn y otros relatos”.

Paralelamente, no Auditorio Municipal, presentarase o libro de Alfonso Pexegueiro “Viaxe á Illa das mulleres loucas”, editado polo Concello.

Pechará a xornada o fotoxornalista Xurxo Lobato, que asinará exemplares do seu último libro “Galicia é unha festa”.

Mañá, domingo, día da clausura, tamén contaremos coa presencia de dous poetas para iniciar a xornada: Elisabeth Oliveira, que asinará exemplares de “Náufragas no mar e na terra” e Roi Vidal, que asinará exemplares de “As máscaras brancas”.

Tanto pola mañá como pola tarde, o contacontos Anxo Moure recorrerá as rúas e prazas da vila coa súa Ciclobibioteca.

Xa na recta final, contaremos coa presencia de Inma López Silva, que asinará exemplares da súa novela “O libro da filla”, e de Manrique Fernández, que fará o propio co libro de relatos “Os anxos indecisos.