Contacontos na Axencia de Lectura de Areas

contiarioO vindeiro martes 28 de abril, a partir das 18:00 horas, terá un lugar un contacontos na Axencia Municipal de Lectura de Areas. O título do mesmo é “Contiario dos contos de Pablísimo” e o nome do autor é Pablo Sánchez. A actividade é de balde, está dirixida a nenos de entre 4 e 12 e terá unha duración estimada de 60 minutos.

Como se dun bestiario se tratara, esta sesión de contacontos é unha colección de relatos que pretende amosar a riqueza da literatura infantil e da tradición oral. O obxectivo é espertar a curiosidade polos libros e animar aos cativos a mergullar nos estantes da biblioteca. Apoiando a narración empregaranse paneis debuxados, monicreques, música e por suposto a voz.

Trátase dunha actividade promovida pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas e que se atopa dentro do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, xestionado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.