Conclúe a 1ªfase da mellora da seguridade viaria na estrada de Cillarga

dav

A concellería de Vías e Obras que dirixe a tenente de Alcalde, Chus Garrote, conclúe as obras da primeira fase do proxecto de mellora da seguridade viaria en Cillarga, Cumiar, Ribadetea, e Mouro, en Padróns.

Cun orzamento total de 89.978,74€, dos que o concello asume 18.640,32€ e o resto con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, estas obras dan resposta ás necesidades de 220  veciños e veciñas que residen nestas zonas.

Asfaltado, limpeza de cunetas, canalizacións de augas, sinalización e pintado son algunhas das obras que se acometeron nestes viais.

Para a Tenente de Alcalde o caso da estrada de Cillarga supuña xa unha actuación de emerxencia xa que ese tramo estaba completamente intransitable.

“Dado o elevado custe da mellora de toda a estrada Cillarga-Areas, procedeuse a comezar nunha primeira fase polo tramo que enlaza o núcleo de Cillarga no que viven 78 veciños e veciñas coa estrada de Ribadetea para acometer obras no resto do vial en seguintes fases”.

Deste xeito, a veciñanza do barrio de Cillarga conta xa cunha estrada cómoda logo de moitos anos de abandono e deixadez de gobernos anteriores nos que foron perdendo calidade nas vías de comunicación converténdose a existente nunha boa parte nun camiño de terra no que os tramos asfaltados sucédense con zonas de buratos fondos que obrigan transitar a velocidade moi baixa.

A boa relación entre as distintas administracións e o saneamento económico do concello permite agora ir dando resposta a todas as demandas veciñais que durante anos estaban arquivadas no caixón.