Concienciación e conservación do territorio camiñan da man en Ponteareas co voluntariado ambiental xuvenil

Concienciación e conservación do territorio camiñan da man en Ponteareas co voluntariado ambiental xuvenil

 

Coidar o medio ambiente xa non é unha opción, é unha obriga para todas as persoas que habitan no planeta.  Algo do que é consciente o Concello de Ponteareas, que leva anos desenvolvendo o programa de Voluntariado Ambiental Xuvenil, posto en marcha pola Concellaría de Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó e que ofrece á mocidade “a oportunidade de desfrutar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna”.

Este verán máis dunha vintena de mozos e mozas participan nas actividades formativas ao aire libre deste programa, que busca que a mocidade ponteareá desfrute do seu tempo de lecer coñecendo a flora e fauna da súa contorna e fomentando a súa concienciación medioambiental. “Queremos que os rapaces e rapazas sexan conscientes da importancia da conservación do medio natural e de mellorar a calidade dos ecosistemas, pero tamén que desfruten de actividades de lecer diferentes, que fomenten o contacto social con actividades saudábeis e  evitando o sedentarismo”, salienta o edil.

Deste xeito, durante a participación no programa os mozos e mozas reciben unha formación práctica sobre tarefas tradicionais do rural asociadas so medio ambiente, coñecen un pouco máis a Rede Natura 2000 e a súa flora e fauna, achéganse ao patrimonio de Ponteareas, conciéncianse sobre a problemática dos residuos ou aprenden a seguir rastros e pegadas da fauna da contorna e a distinguir as especies exóticas invasoras.

A formación complétase con actividades como a limpeza de río e de monte; a limpeza do río dende kayak, que permite retirar lixo ao que é difícil de acceder dende terra; a aprendizaxe sobre o ceo nocturno ou a realización dunha mostraxe de fauna e flora da contorna ponteareá.