Concerto extraordinario de outono este domingo no auditorio

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba convida ao concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo este domingo día 27 no auditorio municipal de Ponteareas.

A banda tocará en colaboración co guitarrista Xosé Antonio Rodríguez, músico e docente na especialidade de guitarra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

A Banda de Música de Xinzo, interpretará un programa de elevada dificultade técnica e formado por pezas de orixes e características moi diversas. Os asistentes poderán escoitar obras que irán dende o pasodobre galego, ata o poema sinfónico, pasando pola pequena sinfonía para orquestra de ventos. O concerto estará dirixido por Javier Blanco, Director titular da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

O director explica que esta cita representa para a banda a primeira meta no proceso de preparación dun repertorio complexo “cremos que é moi importante incluír concertos destas características na nosa programación, tanto polo que supoñen no proceso formativo dos alumnos da nosa escola e dos membros da banda, como pola labor de difusión que se realiza, xa que non hai moitas oportunidades de escoitar este tipo de repertorio ou a solistas do nivel de Xosé Antonio Rodríguez”.

A entrada ao auditorio municipal será libre, ata completar o aforo máximo de 500 persoas.