Concerto de fin de curso da Escola da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

Os alumnos da Escola, acompañados dos seus mestres, ofrecerán un recital variado o vindeiro venres, 10 de xullo, na Casa Cultural de Xinzo

escola-banda-musica-xinzoA Casa Cultural da parroquia ponteareá de Xinzo é o lugar escollido pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo para que os alumnos da súa Escola ofrezan un concerto de fin de curso diante dos veciños e das veciñas da freguesía.

A partir das 21:30 horas, rapaces e rapazas de diferentes idades ofrecerán diversos espectáculos nos que amosarán todo o aprendido durante o curso. Os asistentes poderán gozar dun coro infantil, de dúos e tríos formados por diferentes instrumentos e doutras exhibicións musicais nas que participarán máis de 40 rapaces e rapazas.

A Escola da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, creada no ano 2007 por Álvaro Ferradáns, conta con 80 alumnos. A propia escola ten, asemade, unha banda formada por 26 alumnos na que os músicos máis novos dan os seus primeiros pasos na “interpretación en conxunto” para, nun futuro, poder integrarse con éxito na Banda de Música Xuvenil de Xinzo.