
sdr
O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, xunto ao concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, mantiveron esta mañá unha reunión co Subdirector Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Juan Vidal.
Na reunión avanzouse na negociación para acadar un acordo entre ambas as dúas administracións relativo ás melloras a acometer na Estación de Autobuses da localidade así como a cesión da súa xestión ao Concello.
O concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, amosouse satisfeito co encontro e cos avances na negociación “para acadar un acordo que agardamos pechar en breve e que suporá realizar importantes melloras no edificio e nas instalacións e poñer fin á situación de provisionalidade na que se atopa a xestión da Estación de Autobuses desde o ano 2011”. Nese ano expirou o contrato entre Concello e Xunta xenérandose unha situación de interinidade, tras quedar deserta a concesión do servizo por varias veces, o que derivou nun certo empioramento das instalacións e do servizo que agora se poderá resolver de forma definitiva e duradeira.
O proxecto no que están traballando a Xunta e o Concello contempla tamén as actuacións técnicas propostas no seu día polo goberno local, consistentes na remodelación interior do edificio, para que unha parte importante deste e das instalacións poda ser aproveitado e utilizado para usos e servizos municipais.
O acordo de confinaciamento entre as dúas administracións tamén dará resposta ás pretensións económicas do Concello, quen nos últimos anos esixía da Xunta a compensación dos gastos realizados na Estación de Autobuses, desde a finalización do contrato en 2011.
O edil de Mobilidade sinalou que o acordo conlevará un investimento estimado en 240.000 euros e que será compartido por parte da Xunta e do Concello “nun exemplo de cooperación institucional e entendemento que redundará en beneficio de Ponteareas e, especialmente, dos usuarios do transporte público na localidade”, sinalou Mera.