Concello e Eixo Atlántico traballan para dinamizar o turismo en Ponteareas

Concello e Eixo Atlántico traballan para dinamizar o turismo en Ponteareas

Presentaron o informe sobre ‘Estratexias turísticas para Ponteareas’

No acto estiveron a alcaldesa, Cristina Fernández; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e a concelleira de Turismo, Eva Gil

O desenvolvemento económico e sostíbel son dous dos obxectivos que impulsa o Eixo Atlántico e aos que o Concello de Ponteareas se sumou dende a súa incorporación. Ambos elementos conflúen nas políticas turísticas das cidades xa que, non só se trata dun elemento primordial de pulo económico, senón que o seu impulso require de condicións de sostibilidade nas cidades que pretenden ser destinos turísticos.

Neste contexto, Concello e Eixo Atlántico acaban de presentar o informe ‘Estratexias turísticas para Ponteareas’, no que se recollen as potencialidades a desenvolver, principalmente centradas na festa do Corpus coas súas alfombras de flores e no Festival Groba, ambos eventos de referencia e de marca consolidada na vila e fóra dela.

“Trátase dun novo documento de planificación para Ponteareas, unha ferramenta que nos permitirá desenvolver a actividade turística de Ponteareas dunha forma ordenada e sostíbel”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández, quen resalta a importancia de contar “con este plan de acción e de recomendacións a ter en conta para os vindeiros anos”.

Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou que “entre as fortalezas de Ponteareas está a contorna, a imaxe de marca pola música ou o Corpus e entre as debilidades aquela imaxe da vila para os coches, hostil e incómoda, algo que está en transformación. Ningún turista vai a unha cidade a apatrullala. Se queremos unha cidade para vivir, con turistas que veñan atraídos polos puntos fortes da vila, as políticas como a sostibilidade e a peonalización, a socialización do espazo público, son fundamentais”.

O informe, ademais de medidas para optimizar o tirón destes dous eventos, propón un conxunto de accións que tamén optimicen a riquísima contorna natural que enmarca Ponteareas e a súa comarca. Por outra banda, o estudo tamén recolle algunhas debilidades a corrixir, como a falta de oferta hostaleira.

Por último, propón algúns produtos novos centrados, especialmente, no turismo de ocio familiar, para visitantes atraídos por cidades de referencia coma Vigo, habitantes da provincia de Pontevedra e do Norte de Portugal.

A concelleira de Turismo, Eva Gil, recalcou que este plan sectorial hoxe presentado “ampara moitos proxectos de futuro, como o Plan Integral A Freixa-San Roque, que marcará un antes e un despois para Ponteareas; o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, solicitado este ano; a declaración de Ben de Interese Cultural do Corpus; o recoñecemento da nosa gastronomía ou o traballo para que as nosas rosquillas acaden a Indicación Xeográfica Protexida”.

Pode ler o resumo do informe “Estratexias turísticas para Ponteareas”, aquí.