Concello e Deputación destinan 600.000 euros a crear emprego co Plan Concellos

Ponteareas contratará a 43 persoas desempregadas

O Concello de Ponteareas e a Deputación destinan este ano máis 600.000 euros á contratación de 43 persoas desempregadas, dentro do denominado “Plan Concellos”. Os contratos serán a xornada completa e cunha duración de entre 7,5 e 10 meses segundo as necesidades dos servizos e os salarios que recibirán os contratados serán iguais aos dos traballadores do Concello.

Con estas contratacións reforzaranse numerosos servizos como medioambiente e desbroces, oficina técnica, vías e obras, administración, educación infantil, limpeza, turismo, residencia de maiores, escola infantil e servizos sociais

Na selección terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, persoas  maiores de 45 anos, persoas con familiar monoparental con fillos a cargo, persoas con niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares. O proceso farase coa máxima transparencia a través dun tribunal formado por empregados públicos. Toda a información relativa ao proceso de contratación está dispoñíbel na web do Concello e fisicamente no taboleiro de anuncios da Casa do Concello.

Este é o cuarto exercicio do Plan Concellos que, desde o 2016, permitíu contratar en Ponteareas a 150 persoas desempregadas, destinando para ese fin case 1,5 millóns de euros. O pasado ano por vez primeira o concello puido aportar 100.000 euros e neste ano 2019 a súa achega alcanza os 330.000 euros grazas ao saneamento da economía municipal, o que permite acadar a axuda máxima da Deputación e o máximo de contratos posibeis.

Xosé Represas salientou que “nunca antes se realizara en Ponteareas un plan de emprego destas características que permite a contratación de persoas con especiais dificultades para o acceso a un emprego. Ao millón e medio de euros destinados a crear emprego con este plan hai que engadir o investimento feito nos obradoiros de emprego de carácter formativo ou nas axudas municipais directas á contratación de persoal no sector privado”.

INFORMACIÓN SOBRE OS CÓDIGOS (C.N.O.) DOS POSTOS DE TRABALLO QUE O CONCELLO SOLICITARA Á OFICINA DE EMPREGO NOS VINDEIROS DIAS PARA INICIAR A SELECIÓN DE CONTRATACIÓN