Concello e Deputación comprométense a incluír a Ponteareas no Consorcio Provincial de Bombeiros

A inclusión permitiría avanzar na adhesión da vila ao Parque Comarcal do Porriño e crear en Ponteareas unha segunda sede do dito parque que dera un mellor servizo aos concellos do Condado e A Paradanta

Q55A2376A visita da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao Concello de Ponteareas, deixou atrás os formalismos e se converteu, en palabras da propia presidenta, nunha “auténtica reunión de traballo, con análises e propostas concretas”.

Unha desas propostas estivo relacionada coa adhesión do Concello de Ponteareas ao Consorcio Provincial de Bombeiros, posibilitando a inclusión de Ponteareas no Parque Comarcal de Bombeiros do Porriño e creando, asemade, unha segunda sede deste mesmo parque. Esta sede estaría situada, a proposta do goberno local, en Ponteareas, de xeito que permita dar un servizo “mellor e máis profesional ao noso municipio e tamén ao resto de concellos pertencentes ás comarcas do Condado e A Paradanta”. Esta foi unha parte da exposición que o alcalde, Xosé Represas, realizou no encontro mantido con Silva e no que tamén estiveron presentes a primeira tenente de alcalde, Chus Garrote; a concelleira de Ensino, Cristina Fernández; o concelleiro de Deportes, Benito Márquez; a concelleira de Benestar e Igualdade, Verónica Carrera; e o concelleiro de Comercio, Mario Lago.

Represas manifestou as “limitacións económicas do consistorio para contratar persoal suficiente que permita garantir que o actual parque de bombeiros municipal ofreza un servizo de calidade”. Coa presenza de Ponteareas no Consorcio “deixaríamos de asumir en exclusiva unha competencia impropia e nos igualaríamos a moitos outros concellos que si forman parte do Consorcio e que, polo tanto, contan coa colaboración económica da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra”.

Carmela Silva definiu a proposta do goberno ponteareá como “moi razoable”, e comprometeuse a “traballar dende a administración provincial para que a inclusión de Ponteareas no Consorcio Provincial de Bombeiros sexa unha realidade neste mandato”. Silva apuntou que se isto aínda non é así “é porque probablemente non houbo moita vontade política no pasado para levalo a cabo”, ao mesmo tempo que aproveitou para afirmar que “esperan contar coa disposición da Xunta de Galicia neste asunto, pois as outras dúas partes da mesa estamos de acordo”.

O Consorcio Provincial de Bombeiros é un órgano formado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, principalmente financiado por estes dous organismos e no que os diferentes concellos adheridos ao mesmo realizan pequenas achegas económicas para poder dispoñer dun servizo de bombeiros.

 

Castelo de Sobroso

 

O convenio asinado entre o Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra que permite que esta última asuma a xestión deste enclave histórico dende o pasado ano 2014 foi outra das cuestións salientables.

Xosé Represas trasladoulle á presidenta que o dito convenio non se está a respectar na súa totalidade, pois o “Concello segue pagando os gastos que teñen que ver co servizo de luz deste edificio histórico”. Nese senso, Carmela Silva “garantiu que a Deputación asumirá todos os gastos de mantemento que lle corresponden neste castelo de maneira inmediata”. A cifra anual que Ponteareas aforrará grazas ao cumprimento do convenio aproxímase aos 24.000 euros, os cales, “tendo en conta a situación económica do Concello, non son nada desprezables”, afirmou o alcalde ponteareán.

As obras de restauración, conservación e mellora que afectan a unha boa parte do Castelo de Sobroso tamén foron abordadas. O proxecto destas acometidas, aprobado no pasado mes de maio, conta cun orzamento superior aos 315.000 euros. O goberno local preguntou polo estado deste proxecto e a presidenta da Deputación asegurou que “se trata dunha obra que require do cumprimento das esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio”, dentro das cales as máis importantes son “a presentación dun proxecto arqueolóxico que realizará a Deputación e a elaboración dun informe ambiental que xa lle foi pedido á Estación Fitopatolóxica Areeiro”, dependente da propia administración provincial. Unha vez “solucionadas estas cuestións, procederemos a adxudicar a obra”, confirmou Silva.

 

Obras e Plan de Emprego

 

A xuntanza tamén deu para facer un pequeno repaso daquelas obras máis importantes que se están acometendo e que se van acometer en Ponteareas e que están financiadas pola Deputación de Pontevedra. Nese senso, Represas recordou “o novo campo de fútbol da Lomba, que conta cun investimento próximo aos 450.000 euros e que estará finalizado a finais deste ano 2015”, mentres que a cuberta da pista do CEIP Fermín Bouza Brey “será construída no verán de 2016 por motivos de seguridade, pois non podíamos correr o risco de levar a cabo esa obra en pleno curso escolar”. Trátase dunha obra cuxo orzamento supera os 188.000 euros.

No referido ao Plan de Emprego que pon en marcha a Deputación e que permitirá contratar a 34 persoas desempregadas de Ponteareas nas vindeiras semanas, Carmela Silva propuxo a posibilidade de realizar algunhas mudanzas “pensando xa nas vindeiras edicións, que vaian encamiñadas a que as persoas contratadas poidan permanecer máis tempo traballando nos concellos e cobrando un salario máis digno. Imos garantir que todos estes traballadores cobren, como pouco, o salario mínimo interprofesional. Esta será unha cuestión innegociable”, garantiu a presidenta.

 

Recuperación de partidas económicas

 

Outra das boas novas que se desprendeu deste encontro ten que ver coa posibilidade de recuperar determinadas partidas económicas que figuraban nalgúns proxectos financiados pola Deputación e nos que non se utilizaron todos os fondos previstos. As contías que non foron utilizadas ao longo dos dous últimos anos poderán ser recuperadas e investidas polo Concello para mellorar os proxectos para as que estaban destinadas ou para levar a cabo outras acometidas.