O Concello de Ponteareas e a Universidade de Vigo colaborarán para apoiar a investigación

O Concello de Ponteareas e a Universidade de Vigo asinan un convenio de colaboración para promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, reafirmaron este acordo asinado esta mañá no salón de plenos, con verbas nas que animan a todos os centros educativas a motivar non só ao alumnado se non tamén ao resto da comunidade educativa

Grazas a este convenio as dúas institucións apoiarán a investigadores e proxectos de investigación, tamén organizarán actividades académicas como cursos, simposios, seminarios… intercambiarán publicacións ou promoverán a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade, entre outras moitas actividades.

Para velar polo bo desenvolvemento deste convenio constituirase unha comisión mixta con representantes designados polos órganos reitores da ambas as dúas partes en réxime de paridade. 

Para o Alcalde de Ponteareas este convenio de colaboración, que ten unha duración de catro anos, é o primeiro paso para unha longa relación na que todos os esforzos irán destinados a apoiar ás mentes máis inquedas que queiran abrir novos campos no eido da investigación en tódolos campos.

Promover o gusto polo estudo e o coñecemento, espertar a curiosidade, valorar a investigación, apoiar a innovación e respaldar a formación son algúns dos obxectivos marcados na axenda do grupo de goberno.

Dentro das directrices marcadas en “Ponteareas, Hábitat Saudable” e seguindo as liñas deste convenio asinado hoxe tamén se contempla a posta en marcha dun centro de dinamización da innovación e emprendemento (viveiro de empresas) e a definición da plataforma smartcity na que se implantará o control dos servizos como o da calidade da auga, contaminación acústica e tráfico, entre outros servizos, dos que a cidadanía se mantería informada. 

O Alcalde propuxo durante o encontro a posta en marcha dunha mesa de traballo para concretar o deseño deste centro de dinamización que mellor se adapte ás necesidades de Ponteareas. Para este proxecto a Universidade aportaría a súa experiencia e coñecemento técnico e cientítico xa que se pretende que ademais de ser un espazo innovador tamén sexa práctico para toda a cidadanía de Ponteareas e da comarca e mesmo para a Universidade da que estamos tan preto. Ponteareas ten unha das poboacións máis xóvenes de Galicia, mocidade con formación e en desemprego polo que este goberno ve a necesidade de detectar posibles saídas e ofrecer ferramentas para o autoemprego e a posta en marcha de ideas innovadoras. 

Pola súa parte o reitor da Universidade de Vigo adiantou a necesidade de estreitar esta relación pola proximidade e polo obxectivos comúns e puxo enriba da mesa a definición dun plan de accións anual ea importancia de trasladar as capacidades da universidade á cidadanía con proxectos máis próximos e visibles que xeneren dinámicas de entendemento.