O Concello de Ponteareas organiza a 2ª andaina solidaria o domingo 29 de outubro 

O Concello de Ponteareas organiza para o último domingo de outubro, día 29 coincidindo co cambio horario, unha andaina solidaria pola senda do Tea dende San Roque ata a desembocadura do Uma en Angoareas, continuando pola ribeira do Uma ata a parroquia de Fontenla para volver despois ao punto de partida na Praza Maior. De balde, pódese inscribir aquí, cada participante achegará alimentos e artigos de hixiene persoal para o Centro de Reparto de Alimentos municipal.

A andaina, no seu tramo longo, de dificultade media, sairá da Praza Maior ás 9.00 horas, e no seu tramo curto, de dificultade baixa, sairá ás 10.00 horas. Ambas modalidades irán cara a Ponte dos Remedios para tomar o sendeiro á ribeira do Tea até a desembocadura do río Uma. Neste punto a andaina transcorrerá pola beira do Uma nas parroquias de Angoares e Fontenla, utilizando o trillo dos pescadores, pasará pola Ponte Cabalón e despois por un camiño tradicional ata a estrada das Neves. Neste punto, o tramo curto de 12 kms. volverá cara o centro urbano de Ponteareas a través de camiños da parroquia de Fontenla ata a parroquia de Arcos no que pasará polo Penedo dos Namorados, o Penedo do Equilibrio, para pasar polo lugar de O Areal ata pasar á beira do Convento de Canedo e logo baixar ata a Senda do Regato da Venda e chegada na Praza Maior.

A andaina de 25 km, entrementres,  continuará pola beira do Uma ata a Ponte Alta xa no linde co concello de Salvaterra e dende alí continuará por montes veciñais dos veciños de Arcos e camiños tradicionais ata o Penedo dos Namorados e o Penedo do Equilibrio, dende este punto transcorrerá pola senda dos Penedos da Picaraña para despois baixar por camiños forestais da parroquia de Bugarín, Cachadas ata desembocar na Senda do Regato da Venda, e final na Praza Maior de Ponteareas.

Segundo apuntou o alcalde, Xosé Represas, con esta iniciativa, similar a realizada o pasado ano por primeira vez nestas datas, ten como obxectivo dar a coñecer e pór en valor a riqueza natural e cultural de Ponteareas cunha actividade física pero tamén cultural e lúdica.

“Convido ás veciñas e veciños de Ponteareas a achegarse coa andaina ás paisaxes e patrimonio que temos e debemos conservar, así como a realizar unha actividade saudable. Ademais, coa súa participación farán un labor solidario axudando no traballo de recolleita do Centro de Reparto de Alimentos”.

Antes do inicio explicarase os lugares polos que transcorre a camiñada destacando os lugares de interese paisaxístico, medioambiental e cultural, ruta que estará perfectamente sinalizada e, na medida do posible, transcorrerá polos camiños tradicionais .