O Concello de Ponteareas e a Federación Galega de Fútbol presentaron o Curso de Adestrador Básico de Fútbol-UEFA B

O Concello de Ponteareas e a Escola de Adestradores da Federación Galega de Fútbol presentaron en Ponteareas o Curso de Adestrador Básico de Fútbol-UEFA B (anteriormente Nivel 1) que se vai impartir na localidade do Condado a partir do vindeiro mes de outubro. 

Ao acto de presentación asistiron o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, o vicepresidente da FGF Gustavo Falqué, o director da Escola de Adestradores, Manuel Mosquera, e o delegado da Escola en Ponteareas, Luis Mosquera.

Ponteareas é unha das poucas localidades que acollerán nesta tempada 17-18 os cursos de Adestrador Básico, correspondente á licenza UEFA B que equivale ao antigo Nivel 1. 

“Agradecemos á Federación a impartición deste curso na nosa vila, tal e como lle solicitaramos anteriormente na clausura do curso de monitor de fútbol base que tivo lugar no verán pasado, e alegrámonos enormemente do éxito que está a ter en número de inscritos. Os veciños da nosa vila reclaman formación en tódolos eidos, tamén en fútbol, e dende as administracións temos cando menos que facilitar na medida do posible que poidan acceder a ela”, sinalou Benito Márquez, concelleiro de Deportes.

En Ponteareas son xa 20 os alumnos inscritos, á espera da finalización do prazo para anotarse, que remata o próximo VENRES 15 DE SETEMBRO.

Os interesados poden acceder a toda a información sobre o curso de Adestrador Básico descargando a CONVOCATORIA, podendo matricularse de xeito online a través do FORMULARIO DE INSCRICIÓN ONLINE.