Concello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación e reforma da Depuradora da Moscadeira

Concello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación e reforma da Depuradora da Moscadeira

 

As obras, cun investimento de 11,7 millóns de euros, permitirán solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural

 

Fito histórico para Ponteareas, que acada o maior investimento da súa historia nun equipamento municipal. O Concello, a Xunta de Galicia e o Estado asinaron este venres 28 o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo en 2023 as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Moscadeira. Estas obras son imprescindíbeis para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural. A actual depuradora construíuse en 1995 e polas súas reducidas dimensións veu recibindo dende a súa entrada en funcionamento máis augas residuais das que pode tratar. Esa incapacidade de depuración provoca vertidos habituais ao río Tea e sancións económicas e impide, ademais, que o Concello poda facer novas obras de saneamento, xa que a súa conexión á depuradora provocaría maiores vertidos ao río.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, participou no acto de sinatura celebrado en Santiago de Compostela xunto á Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e Mª Rosa Cobo, directora de Acuaes (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

 

“Para nós é un momento histórico. O convenio permitirá levar a cabo en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal, case 12 millóns de euros. Como goberno marcámonos como obxectivo recuperar o río Tea e convertelo nun gran espazo natural protexido para o desfrute da veciñanza. E ademais propuxémonos chegar canto antes co saneamento ao 100% da poboación das parroquias. Este acordo fará realidade esas dúas aspiracións: termos un río excepcional e todas as parroquias con saneamento”, destacou a alcaldesa.

 

Fernández Davila lembrou que “as negociacións co Estado para acadar este grande investimento foron iniciadas polo anterior alcalde, Xosé Represas. Tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, o Concello logrou o compromiso doutras dúas administracións, Estado e Xunta, nun exemplo de colaboración institucional e entendemento en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión permitiu que poidamos acometer unha obra cun investimento millonario que nunca estaría ao noso alcance”.

 

A alcaldesa tamén salientou o grande esforzo que realizará o Concello e, polo tanto, a veciñanza, ao achegar 3,5 millóns de euros, o 30% do custo da obra, mentres que o Estado con fondos europeos se fai cargo do 50% e a Xunta do 20%.

 

Ademais da ampliación da EDAR da Moscadeira, o acordo tamén contempla obras de mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que até o de agora aumentaba o caudal que recibía a depuradora. Isto suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16.000, traballando por riba da súa capacidade. A execución destas obras permitirá ampliar a capacidade de tratamento a 20.000 persoas e rematar así con vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.

 

O Goberno municipal está traballando de xeito paralelo no proxecto de nova depuradora para atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que non poden empregar a depuradora da Moscadeira.

 

Concello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación e reforma da Depuradora da Moscadeira