Concello de Ponteareas e Deputación vólcanse cos sectores máis afectados pola COVID con novas axudas económicas

 

Destinarase unha partida de 66.691 euros para paliar os efectos ca pandemia provocou en sectores como a hostalaría, comercio, axencias de viaxes, ximnasios, entre outros.

 

O Concello de Ponteareas activa unha nova partida de axudas económicas para apoiar a reactivación do sector económico local e paliar as consecuencias da situación pandémica que estamos a vivir, que nos últimos meses provocou peches parciais e caídas do volume de traballo por mor dos continuados rebrotes. Co gallo de axudar a afrontar esta situación, a administración local destinará 66.691,18 euros á concesión de achegas para pemes de ata 10 persoas e autónomos que desenvolvan o seu traballo na hostalaría, no comercio, en axencias de viaxes, ximnasios ou negocios similares.

 

As achegas económicas serán directas e destinaranse á amortización de débedas dos negocios con entidades financeiras, ao pagamento de débedas con provedores de gasto corrente, gastos correntes derivados da prestación de servizos municipais ou da realización de actos culturais, deportivos, sociais, turísticos, entre outros.

 

Esta nova partida de axudas destinadas ao apoio ao tecido empresarial local responde á colaboración do Concello de Ponteareas coa Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2021 no que se recolle un reforzo económico na concesión de subvencións aos municipios dirixidas a axudar aos sectores máis afectados pola COVID-19.