O Concello amplía a rede de abastecemento de auga en Bugarín

O Concello de Ponteareas desenvolve o proxecto de ampliación da rede de auga potable no barrio de Queidores, Bugarín, por un importe de 20.474€ con cargo ao Plan Concello da Deputación de Pontevedra.

Grazas a este proxecto, sete vivendas de Queidores contarán con abastecemento de auga potable que pasará a formar parte da rede municipal de abastecemento de auga, xestionada na actualidade pola empresa Viaqua.

Nestes momentos, a parroquia de Bugarín dispón dunha infraestrutura parcial de abastecemento de auga potable municipal e que resolve parcialmente as necesidades da parroquia discurrindo o seu trazado por varias zonas.

No lugar de Queidores non está dispoñible este servizo que agora se resolverá coa execución deste proxecto que amplía o servizo a sete vivendas máis coa instalación de tubaxe de abastecemeto dende o punto de conexión xunto aos chalets ata uns oitenta metros antes da estrada PO-254 (Ponteareas-Mondariz). 

As obras consistirán na apertura de zanxas, colocación de tubaxe e accesorios así como valvulería e construcción de pozos de rexistro, completándose con recheo compactado e a reposición do asfalto nas estradas.