A Concellería de Seguridade Cidadá incorpora un dron ao servizo de bombeiros

O servizo de bombeiros de Ponteareas, dependente da Concellería de Seguridade Cidadá do Concello, incorpora novas teconoloxías como ferramenta para o desenvolvemento do seu traballo diario e conta dende hoxe con dous drons (un para prácticas e outro para o servizo) que chegará a zonas ás que os bombeiros non podían acceder para avaliar riscos e detectar posibles perigos.

Este dron, mercado á empresa Aeromedia, será empregado tanto para o traballo diario de inspección sempre que sexa requerido e baixo o marco legal que permite o uso desta tecnoloxía e para actuacións de emerxencia dos bombeiros de Ponteareas.

Os bombeiros de Ponteareas atenden aos dez concellos das comarcas do Condado e A Paradanta (As Neves, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salvaterra) e contan cunha plantilla de trece profesionais.

Vanesa Fernández, Concelleira de Seguridade Cidadá, explica que incorporan o uso do dron para o que tres bombeiros foron formados nun curso básico de cincuenta horas de duración e nun curso avanzado de 70 horas teórico-práctico que lle permite ter a titulación de “piloto de RPAS (Remote Pilot Authorized System) homologado por AESA a través de ATO.

A Concelleira engade que o dron, equipado con cámara térmica, servirá para mellorar os tempos de reacción e optimizará os recursos ademais de dotar de maior seguridade ao corpo de bombeiros á hora de inspeccionar edificiacións en risco de derrubamento ou incendidados.  Tamén será de grande utilidade á hora de buscar persoas desaparecidas ou vítimas atrapadas.

“Tres bombeiros e un técnico informático recibiron a formación e superaron satisfactoriamente os exámenes que lle permiten ter a titulación requerida para o emprego deste aparello que axudará ofrecendo á cidadanía unha cobertura máis ampla na detección de riscos e evitando posibles percances”, engade a socialista Vanesa Fernández.

Fernández insiste na necesidade da formación continuada dos profesionais e da actualización dos coñecementos e técnicas de traballo e felicítaos polo seu compromiso e gañas de aprender.

“Seguridade, eficacia e eficiencia son as claves para avanzar na prestación deste servizo tan importante para os veciños e veciñas de Ponteareas. Non debemos esquecer que cando os bombeiros saen a unha intervención arriscan a súa vida nun alto porcentaxe dos incidentes”.

Con esta novidosa adquisición os bombeiros poderán obter en tempo real unha información visual veraz que lles permitirá actuar con máis seguridade e precisión. 

Un dos obxectivos da Concelleira socialista é a mellora do servizo na súa totalidade, tanto en relación ao personal como en relación aos medios e ao material dispoñible. “Un servizo que invirte en persoal e material de traballo é un serivzo que permite dar unha resposta óptima ante unha emerxencia da cidadanía”.