A Concellería de Ensino apoia a concentración contra a LOMCE

A concentración, convocada pola FANPO, terá lugar o 9 de marzo, ás 19 horas diante da Casa do Concello de Ponteareas

A concelleira de Ensino do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández, amosou o seu apoio á concentración convocada pola Federación de Anpas (FANPO) contra os recortes e a aplicación da LOMCE, concentración que terá lugar o xoves, 9 de marzo, ás 19 horas diante da Casa do Concello.

A responsable de Ensino do Goberno ponteareán amosou tamén o seu apoio persoal “á Folga Xeral do Ensino contra a aplicación desta Lei e a prol da necesidade de recuperar os recursos humanos e materiais perdidos no ensino, así como a eliminación das contrarreformas feitas en todas etapas educativas” e contra o denominado “3+2 nas universidades”.

Para Cristina Fernández é incuestionable a necesidade de demandar das administracións central e autonómica “un ensino de calidade, dotado do material e recursos humanos necesarios para facer efectivo este dereito do alumnado”.

Non dubida a edil de Ensino do Concello de Ponteareas en asegurar que “estamos asistindo ao abandono da universidade por parte do alumnado por non poder pagar as as elevadas matrículas”. Chama a atención sobre o triste feito de “pensar que unha familia media ou con poucos recursos non poda pagarlle aos seus fillos e fillas un máster de dous anos”.

Remata Cristina Fernández asegurando de xeito categórico que “estamos volvendo aos tempos en que estudaban só os fillos dos ricos”.