A Concellería de Deportes instala unha carpa para cubrir a pista de petanca do Parque das Pombas

A Concellería de Deportes de Ponteareas, que dirixe o socialista Benito Márquez, ven de instalar unha carpa de dez metros de ancho por vinte de longo na pista de petanca situada no parque das Pombas.

A petición de numerosos usuarios deste deporte, a concellería de Deportes instalou esta carpa que estará durante tres meses para garantir que se desenvolvan con normalidade tanto os adestramentos como os partidos oficias dos equipos federados que alí adestran máis alá das inclemencias do tempo. 

“Recollemos a petición dos deportistas, e tendo en conta o mal tempo e problemática que supón para os clubes de petanca as chuvias que temos ultimamente, decidimos colocar esta carpa para que poidan desenvolver a súa actividade máis comodamente. Moitos dos participantes deste deporte son persoas maiores, e dende o concello o que debemos é facilitarlle os medios para que poidan facer actividades saudables”, sinalou Benito Márquez.

Ademais desta carpa, no último mes colocouse unha rede para delimitar e separar unha pista de tres por tres de fútbol que lindaba coa pista de petanca co obxectivo de que se poidan practicar os dous deportes sen interromper ningunha das dúas. 

“Un dos problemas que existía era que a práctica do fútbol interrompía moitas veces a práctica da petanca, sendo varias as queixas dos usuarios de que recibían moitos balonazos, co conseguinte risco de lesión e altercados que se producían. Con esta rede solucionamos o problema dunha vez por todas”.

Estas obras enmárcanse dentro dun plan de accións de apoio a deportes minorizados e tendo en conta, ademais, que na súa maioría os xogadores de petanca soen ser persoas de idade avanzada.