A Concellería de Deportes de Ponteareas distribúe 40.000 euros nas subvencións para entidades deportivos sen ánimo de lucro

“Cumprimos, así, un importante compromiso do Goberno: o de convocar subvencións para entidades deportivas anualmente, e non cada catro anos cadrando coas eleccións municipais”, manifesta o edil de Deportes, Benito Márquez.

As axudas  teñen como obxectivo a potenciación do deporte, a promoción da práctica deportiva e perseguen a creación de canteiras de deportistas no Concello de Ponteareas, tanto a curto como a longo prazo, impulsando ademais deste xeito formas de ocio alternativo. O importe total para conceder nas subvencións é de 40.000 Euros.

“Os clubes e asociacións deportivas teñen numerosos gastos ano a ano, e non unicamente en ano de eleccións. É por iso que dende o goberno tiñamos como obxectivo sacar subvencións a entidades deportivas con periodicidade anual. E cumprimos o que prometiamos antes de entrar no goberno ponteareán”, sinala o concelleiro de Deportes.

O Concello mantivo a mediados do mes de xullo unha reunión á que foron convocados as entidades deportivas sen ánimo de lucro para debater os criterios das bases das subvencións, reunión á que asistiron representantes da maioría de clubs e asociacións deportivas. “Foi unha reunión bastante produtiva na que recollemos ideas interesantes sobre as bases que os diferentes implicados presentaban. A nosa idea era a de facer unhas bases o máis xustas posibles e consensuadas con eles”.

As axudas serán concedidas en réxime de concorrencia competitiva, en base a criterios coma o nivel de competición regular do equipo representativo do club, o número de licenzas federativas segundo certificado federativo da federación correspondente, o nivel de formación dos técnicos encargados da formación dos equipos das distintas categorías, a participación de deportistas en campionatos da modalidade a nivel nacional ou internacional segundo certificado federativo, o número de licenzas federativas segundo certificado federativo de menores de 18 anos, participantes en competicións de categorías base, a presenza social segundo o tamaño do ámbito de organización, o número de actividades organizadas e a súa participación, os gastos derivados do coidado e mantemento das instalacións, e, por último, a promoción do deportivo feminino.

As solicitudes presentaranse, no Rexistro Xeral do Concello, no prazo de 20 días naturais, contados dende o día seguinte da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.