A concellería de Cultura presenta o deseño do cartaz do Corpus 2018

O xurado do concurso de cartaces da festa do Corpus de Ponteareas valorou moi positivamente as dezaoito propostas recibidas aínda que finalmente o concurso quedou deserto ao non cumprir ningunha das propostas na súa totalidade as premisas recollidas nas bases.

O xurado composto pola concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, o restaurador Óscar Ledo, os deseñadores Pablo González e Óscar Manuel Gómez, a licenciada en Belas Artes, Aurora Quinteiro, o profesor de debuxo Xosé Alberte Álvarez e como secretaria sen voto a traballadora do departamento de cultura, Belén Giráldez decidiron por unanimidade que os tres carteis finalistas non cumprían no seu conxunto cos criterios estipulados nas bases do concurso, atendendo á temática e relación coa Festa do Corpus, á calidade técnica, ao impacto visual ou a criterios estéticos, polo que decidiron deixalo deserto pero indicando que dos tres, o presentado baixo o lema “Coloris Natura” do ponteareán Iago Fernández cumpre en maior medida os requisitos pero non a iconografía da imaxe que debe centrarse exclusivamente nos materiais propios do Corpus.

O autor aceptou as suxerencias dos membros do xurado e adaptou o cartaz para que fora de concurso se convertira no cartaz oficial do Corpus Christi de Ponteareas 2018.