A Concellería de Comercio aposta pola unión do Comercio, Hostelería e Praza de Abastos

O Concello de Ponteareas asina un convenio de colaboración coa Federación de Comercio, Hostelería e Servizos de Ponteareas por valor de 30.000€ para a mellora da competitividade do conxunto comercial e de servizos do centro urbano de Ponteareas.
O obxecto deste convenio é apoiar á Federación para a dinamización e adaptación permanente do comercio, praza de abastos e hostelería, promovendo a innovación como valor de cambio; potenciando o aproveitamento das sinerxías entre o comercio, hostelería e outros sectores e apostando por seguir consolidando un modelo comercial de proximidade, creador de emprego profesional, cunha oferta comercial diversificada, plural e dinámica.
Accións transversais
A Concelleira de Comercio, Inés Vidal, insiste na necesidade de sumar esforzos e traballar de xeito conxunto co obxectivo de que Ponteareas volva ser o referente comercial da comarca, “o que buscamos é unha suma de accións que repercutan de xeito transversal en beneficio do comercio, da hostelería e da praza de abastos incrementando o número de persoas que se achegan a Ponteareas e invirten o seu tempo aquí”.
A Federación comprométese a facilitar a organización interna do empresariado de comercio, de hostelería e de servizos da zona, a realizar accións de comunicación externa tendentes á creación dunha marca común, publicitar o comercio e servizos da zona, incentivar as vendas e fidelizar clientela así como o desenvolvimiento de acción de animación comercial e socio-cultural nas rúas e prazas, entre outras moitas iniciativas coa finalidade de revitalizar o comercio, a praza de abastos e promocionar a oferta hostelera.
Este convenio supón a suma de esforzos e de gastos, “trátase de optimizar os cartos destinados á promoción dos sectores implicados, é moito máis rentable organizar accións que beneficien a todos e que vaian dentro dun conxunto de intencións que actos puntuais.”, matiza Vidal.
A Federación de Comercio, Hostelería e Servizos de Ponteareas e o Concello de Ponteareas crearán unha comisión de seguemento, vixilancia e control da execución do convenio que se reunirá trimestralmente.