Comezan os preparativos para acoller a X edición do Festival Groba en Ponteareas

Do 13 ao 19 de agosto a vila do Tea converterase na capital galega da música de cámara

O Festival Groba celebra, dende este sábado, o seu décimo aniversario cunha programación acorde a esta data tan sinalada, cun gran número de intérpretes de recoñecemento internacional e innovadoras iniciativas formativas.

O 13 de agosto comeza unha semana de actuacións coas que poñer en valor música do mestre ponteareán Rogelio Groba. Sete días nos que alta cultura faise máis accesible que nunca e nos que o público asistente poderá gozar dun gran número de solistas de corda, frauta, piano, clarinete, a voz dunha soprano e un cuarteto.

A novidade máis destacada desta décima edición é o lanzamento dun programa de mentorship a través do cal ofreceranse clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas invitados ao festival e será o complemento perfecto á formación dos novos talentos, que recibirán consellos profesionais de management e carreira profesional. Ademais, este programa ofrecerá ao novo grupo de residencia a oportunidade única de presentarse ante o público do festival participando en varios concertos e mesmo compartir escenario con algún das súas e dos seus mentores.

Unha das actuacións destacadas do festival terá lugar o martes 16 no Convento de Canedo, nun concerto dedicado a Pepe Represas que significará a estrea dunha nova peza do mestre Groba interpretada pola Orquestra de Cámara Galega.

O 17 de agosto terá lugar outro evento importante: a entrega do II Premio da Excelencia na Docencia Musical. Co obxectivo de impulsar e visibilizar socialmente o labor dos mestres de música, a Fundación Groba quere premiar os proxectos máis innovadores nos centros de ensino pola súa contribución á música e á ensinanza.

Esta X edición contará coa presenza da frautista portuguesa Adriana Ferreira, a soprano catalana Laura del Río, as violinistas Stella Chen desde Estados Unidos e Karen Gomyo dende Xapón ou o cellista portugués-israelí Kyril Zlotnikov, que busca repetir a experiencia da pasada edición. O programa inclúe tamén catro pianistas, a vasca Judith Jauregui, a moldava Marianna Prjevalskaya e os galegos Ricardo Blanco e Gema Arias, que xa participara como Xoven Talento Galego na edición de 2019. O programa completarase co clarinetista galego Luis Miguel Méndez, a cellista ponteareá Alba Reirís e o cuarteto finés Erinys, que tocará entre outras unha obra do mestre Groba.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, afirma que “este 2022 é, para todos e todas, un ano moi especial. Temos moitas ganas de celebrar xunto á veciñanza e visitantes, esta grande festa na honra á música clásica que tamén é un sentido homenaxe á obra do mestre Groba”. Ademais, o edil convida “a todos e a todas a participar nesta cita indispensable na que gozar da cultura e da música nunha edición que promete ser moi especial”.