Comezan as obras de substitución da cuberta do pavillón municipal

O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e a primeira tenente de alcalde e responsable de Urbanismo, Chus Garrote, comprobaron in situ o inicio das actuacións

O prazo estimado de execución é de 45 días e as obras contan cun orzamento de preto de 109.000 euros

cuberta-pavillon-2Os traballos de substitución da cuberta do pavillón municipal de Ponteareas xa están en marcha. O edil ponteareán de Deportes, Benito Márquez, e primeira tenente de alcalde e responsable de Urbanismo, Chus Garrote, quixeron achegarse para comprobar persoalmente o comezo dunhas obras que contan cun orzamento que está cerca de chegar aos 109.000 euros e que teñen un prazo de execución de 45 días.

As actuacións, contempladas dentro do Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra, empezarán coa demolición do falso teito existente e coa retirada da cuberta de pranchas de fibrocemento de amianto, as cales están en moi mal estado, chegando a provocar goteiras que impedían a correcta práctica de moitas modalidades deportivas, resultando perigoso para os propios deportistas. Nesta primeira fase tamén se abordará a retirada parcial caleiros e baixantes das fachadas laterais.cuberta-pavillon-1

Posteriormente procederase á colocación de pranchas de panel de sándwich con acabado lacado polas súas caras externas e cunha capa interior de illamento térmico. Ademais, instalaranse novos caleiros e baixantes de aluminio que estarán conectadas ás diferentes redes existentes.

Benito Márquez sinalou que as indicacións que ten a empresa contratada para levar a cabo estes traballos son as de tentar rematalos o antes posible, de xeito que non se entorpeza a actividade dos clubs deportivos que utilizan habitualmente as instalacións do pavillón municipal.