Comeza o curso de monitor de ocio e tempo libre

O sábado 19 de setembro deu comezo unha formación subvencionada pola concellería de Mocidade, xestionada por Verónica Carrera

Un total de 22 persoas poderán formarse no eido do desenvolvemento de actividades socioculturais e recreativas

C-monitores-ponteareas-galegoV3A concellería de Mocidade do Concello de Ponteareas, dirixida por Verónica Carrera, vén de poñer un curso de monitor de ocio e tempo libre que durará dende o sábado 19 de setembro até 21 de novembro. A formación, subvencionada polo propio consistorio, conta cun total de 22 alumnos.

O curso consta dunha parte teórica, que terá un total de 200 horas, e outra práctica, na que se impartirán 150 horas máis, e que contempla a posibilidade de desenvolver unha acampada cuxa data está por definir en función da climatoloxía.

O obxectivo da posta en marcha desta instrución por parte da concellería de Mocidade non é outro que o de formar ás persoas participantes para que sexan capaces de realizar actividades socioculturais e recreativas, tanto nun contexto urbano como natural, ademais de ofrecerlles un campo máis onde poder atopar unha saída laboral.

Trátase dunha formación que será impartida os sábados e domingos en horario de 09:00 a 14:00 horas polas mañás, e en horario de 16:00 a 21:00 horas polas tardes.