Comeza a funcionar o estacionamento limitado gratuíto na Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e nun tramo da rúa dos Carballos

Comeza a funcionar o estacionamento limitado gratuíto na Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e nun tramo da rúa dos Carballos

 

Durante os primeiros días, persoal municipal estará nestas rúas informando e resolvendo dúbidas das persoas que utilicen a zona azul

 

Persoal municipal está dende este mesmo luns na Avenida de Galicia, en Rosalía de Castro e nun tramo da rúa dos Carballos informando e resolvendo dúbidas sobre o uso do estacionamento limitado gratuíto que entrou hoxe en funcionamento. Con esta iniciativa búscase acompañar aos usuarios e usuarias na posta en marcha desta nova medida para conseguir un mellor reparto do espazo público.

 

A posta en marcha desta zona azul gratuíta non só atende a unha demanda do sector comercial e das e dos consumidores, senón que permitirá tamén multiplicar por cinco o número de prazas dispoñíbeis nestas rúas e avenidas, que como mínimo pasarán de 120 a máis de 600. O horario de funcionamento deste estacionamento limitado gratuíto será os días laborábeis de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 09.00 a 14.00 horas. Nestas franxas horarias un mesmo vehículo poderá estacionar un máximo de dúas horas en cada quenda, de mañá e de tarde.

 

Segundo os estudos do Concello, ata o de agora o 80% das prazas dispoñíbeis nestas rúas estaban ocupadas de forma permanente ou durante moitas horas polos mesmos vehículos, impedindo que outras persoas que o precisaran puideran aparcar para facer xestións, compras ou actividades de menor duración.

 

Por outra banda, todas as persoas que precisen un tempo de estacionamento máis prolongado poderán deixar os vehículos nas rúas próximas sen zona azul ou nos aparcadoiros sen limitación horaria máis próximos, todos a 3 minutos andando: Granitos de Galicia, con 133 prazas; Santa Ana, con 100; Pedra Pequena, con 69 prazas; Sarmiento Rivera, con 180; Rosalía de Castro, con 128 e Alexandre Bóveda, con 32 prazas.