Comercio sortea dezaseis novos postos ambulantes

A concellería de Comercio, Hostalería e Consumo que dirixe Inés Vidal pecha o sorteo dos 8 postos vacantes de venta ambulante e saca a sorteo oito novos postos máis  que estarán ubicados na rúa Vidales Tomé. 

Nun proceso de transparencia celebrado no salón de plenos e coa presenza dos candidatos, sorteáronse dezaseis postos ambulantes que se sumarán aos 117 postos que traballan no mercadiño de Ponteareas cada sábado e os días 14 de cada mes. 

Os diferentes postos ambulantes do mercadiño distribúense na Praza Maior, Praza Bugallal, Avda. Constitución, rúa Esperanza, rúa Morales Hidalgo e agora na rúa Vidales Tomé. 

Para Inés Vidal o mercadiño ambulante de Ponteareas forma parte do entramado comercial e supón un atractivo para todos os veciños e veciñas da comarca que cada sábado se achegan a Ponteareas para facer as súas compras. Os postos ambulantes ofrecen produtos que completan a oferta do comercio local e que atraen á clientela polos seus prezos.

No mercadiño de Ponteareas pódese adquirir produtos de alimentación, calzado, ferretería, sementes, plantas, roupa, complementos.. pero ademais cada primeiro sábado de mes tamén na rúa Esperanza e Oriente se instalan postos de antigüedades. A concellería de Comercio pretende que a feira de antigüedades, que visita Ponteareas unha vez ao mes, medre en postos e convida a todos os ambulantes deste sector a que participen.

“Cada vez máis o mercadillo dos sábados é unha cita coa familia, cos amigos… unha actividade non só comercial, tamén de lecer e de encontro social para pasar a mañá en Ponteareas e facer as compras. Os propios ambulantes son conscientes deste feito e foi moita a demanda quedando cinco solicitudes en lista de espera. Todas as iniciativas e accións que supoñan atraer visitantes a Ponteareas e ofrecer máis servizos á cidadanía son positivas porque ofrecen a oportunidade de descubrir tamén a nosa hostalería e o noso comercio local”, explica Vidal.