Clausura do “Curso de monitor de actividades de tempo libre” en Ponteareas

MediosO concelleiro de Xuventude do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, asistiu onte á clausura da parte teórica do “Curso de monitor de actividades de tempo libre”, impartido por Aldea Guntín, Escola de Tempo Libre Oficial Fervenza, que se levou a cabo durante os meses de maio a xullo na Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas.

Esta acción formativa, que dá lugar ao título oficial da Xunta de Galicia de “Monitor de actividades de tempo libre”, consistiu en 200 horas teóricas nas que se trataron áreas de psicosocioloxía, socioloxía, animación, área ambiental e da natureza, educación para a saúde, organización e recursos ou asociacionismo xuvenil. Esta parte teórica compleméntase cunha parte práctica de 150 horas nas que se colabora con distintas entidades, concellos e diversas asociacións.

O concelleiro de Xuventude, Andrés Sampedro Fernández, considera que este tipo de ensino oficial non regrado ten cada vez máis demanda pola sociedade que ve nestes cursos unha boa oportunidade para formarse en temas moi concretos, sendo unha acción formativa que ten moitas saídas profesionais como monitor para campamentos, actividades extraescolares, ludotecas, xogotecas, casas da Xuventude ou outro tipo de actividades encamiñadas á mocidade. O Concello de Ponteareas, consciente da necesidade de promocionar e axudar á formación da xuventude para a súa inserción laboral, aposta por este tipo de accións subvencionando en parte este curso de Monitor de actividades de tempo libre, no que se matricularon 22 alumnos.