Clausura do Curso da Escola de Alfombristas de Ponteareas

Clausura Curso de Alfombristas 2014Este xoves clausurouse no Centro de Servizos Sociais o curso da Escola de Alfombristas do Concello de Ponteareas. No acto de clausura no que estaba presente o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, e a monitora da devandita escola, Ángeles Fernández Lago, fíxoselles entrega dos diplomas de asistencia aos 45 alumnos que participaron nesta acción formativa. Este curso gratuíto, dirixido a nenos e nenas desde os 8 anos, tivo como obxectivo que as xeracións máis novas coñezan os materiais, as técnicas e todos os aspectos relacionados coa arte da confección de alfombras florais. Os participantes neste curso elaboraron o sábado de Corpus a súa propia alfombra diante da Praza de Abastos, para a cal prepararon o material e confeccionaron integramente o tapiz floral, sempre baixo a supervisión e a compañía dun adulto.
O concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, agradeceulles aos nenos a súa participación neste proxecto e puxo de manifesto a importancia desta actividade como un xeito de continuidade xeracional da tradición máis sobranceira de Ponteareas que é o Corpus Christi. Así mesmo, quixo salientar a importancia de todo o labor e traballo que neste sentido se fai desde os portais alfombreiros, onde os nenos, desde pequenos, aprenden todo o relacionado coa confección de alfombras florais, sendo os máis cativos os futuros artífices do alfombrado floral e os que farán que esta tradición perdure ao longo dos tempos.